Saudo do Presidente

A COVID-19 arrebatounos moito, modificou de cheo a nosa forma de vivir e eliminou os bicos e apertas mentres impoñía unhas distancias que ían na dirección contraria á nosa verdadeira forma de ser. Foron sen dúbida dous anos moi difíciles, moitos meses nos que tivemos que renunciar a gran parte da nosa vida social e dicir adeus a costumes e tradicións moi arraigadas en nós, como é a Festa da Empanada.
Somos plenamente conscientes de que no presente ano, a nosa directiva asume unha gran responsabilidade, a de dar un novo comezo a unha festa que dende o ano 1974 conquistou o corazón de todo un pobo e de todas as persoas que nos visitan. A Empanada é moito máis que unha mera celebración gastronómica e cultural, tamén é aquilo que nos define como vila e que fai que nos sintamos plenamente orgullosos e orgullosas das nosas raíces. Por este motivo, todo o noso esforzo vai dirixido a potenciar e coidar un evento que merece ser declarado de Interese Turístico Nacional, e poremos toda a nosa ilusión para que así sexa, sen perder nunca a esencia que os nosos avós e avoas impregnaron a unha festa única en Galicia.
Sabemos que a XLVI Festa da Empanada será unha das edicións máis esperadas, e agardamos estar á altura das circunstancias. O que si vos podo asegurar, é que toda a familia da asociación traballou e traballa sempre e en todo momento pensando no mellor para Bandeira e deron todo de si mesmos para organizar e sacar adiante uns festexos que de seguro serán inesquecibles. Só podo dicir, que me sinto enormemente orgulloso de todo o equipo que me acompaña nesta emocionante andaina e de todo o que están a conseguir. E gustaríame estender o meu sincero agradecemento ao Concello de Silleda, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia, así como á veciñanza e ao comercio local de Bandeira e arredores, grazas por colaborar con nós e apoiarnos nos bos e nos malos momentos.
Sen máis, desexo e espero que desfrutedes dunhas festas libres de todo tipo de violencia e cheas de amor, diversidade e tolerancia; e anímovos a que brindedes polas persoas que están e tamén por aquelas que nos dixeron adeus. Non teño a menor dúbida, de que nalgún lugar, estará a soar unha gaita ao son dos vivas.